viernes, 2 de marzo de 2007

Democracia? Onde? - A Liga Veciñal polo Voto Útil=Voto Nulo en Redondela

Publicamos o manifesto da liga veciñal polo voto útil = voto nulo de Redondela, botada para adiante por un/has cidadás que protestan pola farsa de democracia que tanto lles gusta aos nosos "representantes" (e por algo será que lles gusta só a eles...).


VECIÑAS E VECIÑOS DE REDONDELA:

Se estades fartos do funcionamento do concello e de que todos fagan o mesmo, a LIGA VECIÑAL POLO VOTO ÚTIL proponche unha medida excepcional para as próximas elecións municipais.
A LIGA VECIÑAL POLO VOTO ÚTIL non che pide que votes a este ou aqueloutro partido, non che pide que votes a unha determinada Plataforma, non che pide nada para ela nin para quen a compón, senón que expreses o teu descontento con todos os que non te defenderon ata agora, mediante o Voto Nulo cuantificable, nunha papeleta na que se farán constar as razóns polas que non votas a ningún deles.

¿POR QUE VOTO NULO?

Queremos que os nosos votos valan para algo!
Se escollesemos este ou aquel político, tal vez elixisemos un ovo san para colocar na cesta dos ovos podres. Pero todos sabemos que un san no medio dos podres, apodrece...O problema non é que algúns políticos sexan podres, senón que a maioria ten costumes apodrecidas. Uns protexen aos outros. A historia recente do País está chea de anécdotas desa clase. Por iso, co voto nulo queremos dicir que estamos contra a podredume e non contra este ou aquel político podre.

ENTÓN, ¿POR QUÉ VOTAR NULO?

Se estás contra a pena de morte (é un exemplo), non ten sentido que elixas entre que diversos tipos de instrumentos son menos crueis para matar a alguén. Se estás contra que te aten polo pescozo, non aceptarás escoller quen vai asegurar mellor a corda, senón o acabar co costume de poñernos a corda no pescozo.
Non estamos contra este ou aquel político: ¡estamos contra o sistema político que permite estas cousas! O actual Sistema Político é un perpetuador da corrupción, do nepotismo e da impunidade. Os partidos teñen a reserva da representación e escollen (e mal) aos poderemos votar. E só podemos votar aos que escolleron previamente, entre eles, sen contar connosco. Unha vez eleitos, ¿quen os tira de alí se son corruptos ou, como fixeron en Redondela, si fan o contrario do que nos prometeron nas campañas electorais? ¡Só eles mesmos! Claro que a xente pode presionar. Mais se eles non quixeran, nada dariamos feito. O Sistema Político está podre, e haberá que cambiar moitas cousas para vivir realmente nunha sociedade democrática e realmente libre. O actual Sistema é o culpable de permitir tantas e tantas podredumes como a que propicia o urbanismo salvaxe que pretende acabar co noso País se nós non acabamos antes con él. O actual Sistema Político, aínda que de cando en vez permite que os “demasiado evidentes” vaian ao cárcere, absorve e apodrece todo o que toca.

¿VOTAR NULO RESOLVE?

Non, mais xa é un comezo. É un recado claro de que non nos chega só co momento das elecións, que queremos fiscalizar, que queremos voto optativo, que queremos o fin da impunidade, que queremos poder tirar da poltrona a quen nos enganou, que queremos ser consultados cando se dirimen as nosas normas e as infraestructuras que van afectar ás nosas vidas, que queremos partidos responsables e non vagos, que queremos poder elixir candidatos independentes dos partidos, que queremos ser cidadáns e non súbditos, que non queremos que se viva a política como unha carreira profesional, a onde van parar, por certo, todo tipo de parásitos sociais sen oficio nin beneficio. O Voto Nulo é só un recado. É só un comezo. Maís xa é algunha cousa. É o comezo dunha toma de consciencia.

¡VOTO NULO! VOTO ÚTIL!

Queremos que os nosos votos sexan útis. E non utilizados por este ou aquel outro candidato para “arrombar” a súa vida e a vida dos seus compadres. Útil para dicir que non concordamos nin un minuto máis con tanta impunidade, tanto roubo e tanta podredume, e que tamén QUEREMOS UNHA REFORMA POLÍTICA!!! Para que as listas sexan abertas, os candidatos revocables e non impunes, e que no interior dos partidos exista verdadeira democracia.



A papeleta que se fará chegar aos veciños proximamente, moi probablemente, no lugar dos nomes dos candidatos, terá este ou parecido enunciado:

EU VOU VOTAR NULO,
¿QUERES SABER POR QUÉ?

n 1º- Porque a institución municipal non funciona.
n 2º- Porque os partidos nos desilusionan e ignoran o que quere o pobo.
n 3º- Para que non fagan trapicheos que non anunciaron nas campañas electorais.
n 4º- Pola inxustificada profesionalización (e carísima) dos distintos líderes.
n 5º- Pola falta de democracia interna no interior dos partidos.
n 6º- Porque sempre repiten os mesmos nos primeiros postos das listas.
n 7º- Por ocultarnos cousas que van contra os intereses xerais do pobo.
n 8º- Polo incumprimento sistemático das promesas electorais.
n 9º- Por copiarse os comportamentos e resultar todos idénticos.
n 10º- Porque os mandatos públicos deben límitarse a un máximo de oito anos.
n 11º- Para impedir máis urbanismo especulativo.
n 12º- Para que respecten e preserven o noso patrimonio histórico.
n 13º- Para que respecten e preserven a natureza.
n 14º- Porque o traballo municipal non pode ser parcheo e bacheo durante tres anos e inauguracións no último.
n 15º- Para que non poñan os servizos municipais en mans privadas.
n 16º- Para que non haxa un uso clientelar e partidista dos fondos e medios públicos.
n 17º- Para evitar o beneficio persoal no manexo dos medios e fondos públicos.
n 18º- Para evitar que che vendan favores cando deben darche servizos.
n 19º- Para evitar que persoas non elixidas mangoneen no concello.
n 20º- Polo contacto permanente dos cargos públicos ca cidadanía, e non só para pedirnos o voto: queremos participar nas decisións.
n 21º- Pola fiscalización constante dos actos dos políticos, por unha democracia participativa.
n 22º- Por listas abertas para á elección dos nosos representantes municipais.
n 23º- Porque a política debe ser entendida como un servizo social e non como unha profesión.ou unha renda vitalicia.
n 24º- Porque, a pesar de eles e sen eles, outra democracia é posible.

No hay comentarios:

A ria e nosa e non de REGANOSA