miércoles, 13 de diciembre de 2006

Boloña? A quen beneficia?

Plano de Boloña por aquí, Espazo Europeu de Educación Superior (EEES) por alá... Que se converxencia... mobilidade... que se novo enfoque do ensino... Alguén sabe de qué vai realmente Boloña? Desde as institucións están a introducir unha publicidade sixilosa e parcial do que é o Plano de Boloña. Van metendo cousiñas, de modo que ao estudantado lle soe que vai haber unha reforma e tal... pero sen aportar en ningún caso información concreta e que, falando claro, sirva para algo. Vai haber unha reforma do ensino superior moi importante e desde a Universidade, o Ministerio de Educación, a Consellaría... non están facendo nada para informar ás estudantes alén da mera existencia da propia reforma. Por que será? Quizáis sexa unha reforma non moi interesante para os estudantes, e si para outras instancias con máis poder de decisión sobre temas públicos que estes... ehem... as empresas.


Aproveitándose da necesidade (coa que, por outra parte, case todo o mundo concorda) dunha reforma no ámbito académico, plantéxasenos desde as altas cúpulas do poder político-económico un proxecto para supostamente "substituír o conceito de ensino por aprendizaxe", "favorecer a mobilidade de estudantes e profesores” pola Unión Europea adiante... E mentres se lles enche aos nosos políticos e reitores (que tamén son políticos, ao fin e ao cabo...) a boca destas bonitas palabras, estase a ocultarnos a verdadeira pretensión desta reforma.

Ubicado dentro da lóxica do Acordo Xeral para o Comercio de Servizos da OMC (Organización Mundial de Comercio), o plano de Boloña supón un salto cualitativo no proceso de privatización dos servizos públicos. Os obxectivos do AXCS son o desmantelamento puro e duro do ensino público que é tratado coma competidor con vantaxes (grazas á financiación pública) do ensino suministrado por empresas privadas. Obedecendo a estas directrices, Boloña abre as portas á financiación privada na educación, e restrinxe os dereitos d@s estudantes ca fin de converter o ensino nun servizo xestionábel por empresas. A educación pasa a ser un servizo, en lugar dun dereito, e a rexirse polas leis do mercado (tes cartos, tes educación; non tes cartos, non hai educación), co abandono do compromiso do estado de salvagardar este dereito.

En primeiro lugar, o ensino superior queda dividido en dúas categorías fundamentais: o grao e o posgrao. O grao terá unha duración de 3 ou 4 anos (entre 180 e 240 créditos ECTS, equivalentes a 450-600 dos actuais); e o posgrao será de 1 ou 2 anos (60-120 créditos ECTS) para o título de Máster (equivalente ao actual 2º ciclo), e unha segunda etapa dedicada á formación investigadora para a obtención do título de Doutor/a (realización dunha tese doutoral). A reforma do sistema de créditos crea os créditos ECTS (European Cradit Transfer System) de 25 horas de traballo d@ alumn@, de distinto valor que os actuais, que se corresponden con 10 horas de asistencia a clases. Esta reforma dos créditos ECTS ven acompañada por un aumento do traballo d@ alumn@ fóra da facultade: determina que a dedicación d@ alumn@ á carreira ha de ser de 40 horas á semana. O cal sería incompatíbel para todas esas persoas que por falta de cartos compaxinan os estudos cun emprego para costearse a carreira.

Pero, con todo, iso non é o máis grave. As matrículas pasan a ser máis caras: falan de entre 900 e 1400 euros por ano nos posgraos (equivalentes como dixemos aos actuais segundos ciclos). Isto supón unha criba económica brutal para @s estudantes con rendas máis baixas. Se unimos isto ao feito de que as actuais bolsas a fondo perdido (que te regalan a pasta) serán progresivamente subsituídas por bolsas-préstamo, que terás que devolver cando atopes curro, e a que o número de prazas dos posgraos prevéese que será moi inferior ao dos graos, temos unha descarada elitización da universidade. Porque as rendas máis baixas non se poderán a meter a estudar un posgrao, que é máis caro, e que ademáis as bolsas son en realidade préstamos. Así a reforma constrúe unha universidade ao estilo da de EEUU, só accesíbel para @s fill@s da elite, @s futuros dirixentes da sociedade do mañá. E a maioría da poboación na práctica só poderá acceder aos graos, orientados a crear carreiras curtas e xeralistas que formen en competencias profesionais deixando a un lado a formación científica e humana, con vocación dunha especie de "terceiro grao de Formación Profesional". Ademáis, a situación no mercado laboral cun grao (de 4 ou 3 anos) supón unha diferencia substantiva con respecto ás actuais carreiras, e empeora a posición laboral d@s titulad@s universitari@s (coma se non fose suficentemente chunga). O cal fará necesario acceder aos estudos de posgrao para acceder a unha situación laboral menos nefasta, acceso que como xa vimos está máis restrinxido.

Ademáis dos problemas de acceso aos posgraos e do baleiramento de contidos dos graos (en favor dunha formación práctica para precari@s), outro punto moi conflictivo é o do financiamento, que deixa a porta aberta ás empresas privadas e diminuíndo a participación na Universidade das institucións públicas. E se as empresas financian á Universidade, van ter poder de decisión sobre temarios, investigación, etc... sendo estes submetidos aos criterios mercantís. E os intereses mercantís non teñen por qué coicidir cos intereses da maioría dos seres humanos; é máis: a meirande parte das veces, os intereses do mercado dilapidan dereitos das persoas para resultar na acumulación de riquezas por parte duns individuos e a diminución da calidade de vida doutros. Por iso, avanzar na dirección da privatización dun dereito fundamental que debería ser universal coma educación, do mesmo xeito que están intentando facer co auga en América do Sul, é unha barbaridade que só vai dexenerar nunha privación do acceso das persoas de menor renda aos “servizos”, e na diminución da calidade dos servizos que están ao alcance das rendas máis baixas.

A entrada da empresa na Universidade complétase co sistema de prácticas, posto que se apunta a que o 50% dos créditos das materias ten que deberse a actividades fóra da Universidade, por
exemplo: prácticas en empresas privadas. Grazas a isto, @s alumn@s poderán ser utilizad@s como man de obra moi cualificada, pero sen dereito a soldo, e recibindo unha escasa formación. Hai mellor modo de explotar ás estudantes?

Queremos tamén recalcar en que a LOU non é outra cousa que a adecuación á lexislación estatal do plano de Boloña. E que a resposta social xerada nos anos da LOU (co PSOE na oposición e en contra da LOU), é vixente hoxe en día (co PSOE no poder e coa LOU aprobada por eles). Fixeron coma cando a OTAN: agora non, agora si. E o silencio dos medios de comunicación de masas con respeito a este escandaloso asunto, non indica outra cousa que o total submetimento dos medios aos mesmos intereses macroempresariais que ven a satisfacer o plano de Boloña e o EEES. E que se o PSOE esgrimiu a loita contra a LOU en anos pasados non foi por outra razón que para obter rédito eleitoral do tema, posto que cando tomou o poder aprobou a mesma lei contra a que loitaba con mínimas modificacións. E que o feito de que ningún dos partidos maioritarios teña unha posición claramente contra Boloña é indicativo da súa total dependencia das empresas, a da ausencia doutro proxecto político que o que se dicta desde as instancias superiores da economía. A ausencia dun partido como referente político non nos debe botar atrás, senón ao contrario, nesta loita polo ensino público e democrático e en contra da mercantilización e elitización que a reforma que se nos ven enriba plantexa.

A educación debería ser, ou polo menos debería tender a ser, gratuita, independiente e de calidade. Non pode estar suxeita aos intereses do mercado, porque hai cousas que non sendo rendíbeis economicamente falando, son necesarias para os seres humanos. Un exemplo claro: pode que non sexa rendíbel investigar na SIDA porque a maior concentración de enferm@s é en África, e non teñen cartos; pero é necesario facelo, porque aínda que sen cartos, son persoas. Por isto a educación non pode incorporar ao seu funcionamento os criterios do mercado. Coas medidas que está a adoptar o Estado Español, xunto con outros estados, só se avanza na dirección de elitizar a educación e na de convertila nun produto máis co que comerciar, estando suxeita ás regras habituais do comercio, que son as regras da acumulación e concentración de riqueza. Con este proxecto só se avanza na dirección de mimetizarse cos EEUU, que á vista dos seu desastrosos índices de pobreza (12,6% da poboación), e da precaria situación en canto a dereitos cidadáns, non é un exemplo a seguir en canto a administración pública.

Por todo isto manifestamos:

A EDUCACIÓN É UN DEREITO E NON UN SERVIZO
A UNIVERSIDADE NON É UNHA EMPRESA
NIN LOU, NIN PROCESO DE BOLOÑA, NIN EEES
PAREMOS O PROCESO DE MERCANTILIZACIÓN DO ENSINO

1 comentario:

m. dijo...

comparto tu indignación y tus opiniones, pero lamento decirte que YA la educación es un negocio, aunque sea pública. Estoy traduciendo un libro sobre educación y reforma educativa, y, justamente, se enorgullecen de haber tomado conceptos de marketing y negocios para aplicarlos a la educación.
Y te lo dicen así, tan sueltos de cuerpo, y encima, contentos.

A ria e nosa e non de REGANOSA